Declaración de soberanía e o dereito a decidir do pobo de Cataluña

  • Traducció en gallec

VilaWeb

Traducció d’Eduard del Castillo Velasco @Eduard_dCV

23.01.2013 - 23:11

La premsa lliure no la paga el govern, la paguen els lectors


Fes-te de VilaWeb, fem-nos lliures

Preámbulo

O pobo de Cataluña manifestou democraticamente ao longo da súa historia a vontade de autogobernarse, co obxectivo de mellorar o progreso, o benestar e a igualdade de oportunidades de toda a cidadanía, e para reforzar a cultura propia e a súa identidade colectiva.

O autogoberno de Cataluña fundaméntase tamén nos dereitos históricos do pobo catalán, nas súas institucións seculares e na tradición xurídica catalá. O parlamentarismo catalán ten os seus alicerces na Idade Media, coas asembleas de Paz e Tregua e da Corte Condal.

No século XIV créase a Deputación do Xeneral ou Generalitat, que vai adquirindo máis autonomía ata actuar, durante os séculos XVI e XVII, coma goberno do Principado de Cataluña. A caída de Barcelona en 1714, por causa da Guerra de Sucesión, comportará que Felipe V abola o dereito público catalán e as institucións de autogoberno co Decreto de Nova Planta.

Este itinerario histórico foi compartido con outros territorios, feito que configurou un espazo común lingüístico, cultural, social e económico, con vocación de reforzalo e promovelo desde o recoñecemento mutuo.

Durante todo o século XX a vontade de autogobernarse das catalás e os cataláns foi unha constante. A creación en 1914 da Mancomunidade de Cataluña, que foi abolida pola ditadura de Primo de Rivera, suporá un primeiro paso na recuperación do autogoberno. Coa proclamación da Segunda República Española constituíuse en 1931 un goberno catalán co nome de Generalitat de Cataluña, que se dotou dun Estatuto de Autonomía.

A Generalitat foi abolida de novo en 1939 polo xeneral Franco, que instaurou un réxime ditatorial ata 1975. A ditadura contou cunha resistencia activa do pobo e do Goberno de Cataluña. Un dos avances na loita pola liberdade é a creación da Asemblea de Cataluña no ano 1971, previa á recuperación, con carácter provisional, da Generalitat a partir do retorno en 1977 do seu presidente no exilio. Na transición democrática, e no contexto do novo sistema autonomista definido pola Constitución Española de 1978, o pobo de Cataluña aprobou, mediante referendo, o Estatuto de Autonomía de Cataluña en 1979, e celebrou as primeiras eleccións ao Parlamento de Cataluña en 1980.

Nos últimos anos, na vía do afondamento democrático, unha maioría das forzas políticas e sociais catalás impulsaron medidas de transformación do marco político e xurídico. A máis recente, concretada no proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Cataluña iniciado polo Parlamento no ano 2005. As dificultades e negativas das institucións do Estado español –entre as que cómpre destacar a sentenza do Tribunal Constitucional 31/2010– comportan unha negativa radical á evolución democrática das vontades colectivas do pobo catalán dentro do Estado español, e crean as bases para unha involución no autogoberno, que hoxe se expresa con total claridade nos aspectos políticos, competenciais, financeiros, sociais, culturais e lingüísticos.

O pobo de Cataluña expresou de varias formas a vontade de superar a actual situación de bloqueo no seo do Estado español. As manifestacións multitudinarias do 10 de xullo de 2010, co lema ‘Somos unha nación, nós decidimos’, e a do 11 de setembro de 2012, co lema ‘Cataluña novo estado de Europa’, son expresión do rexeitamento da cidadanía cara á falta de respecto das decisións do pobo de Cataluña.

Con data do 27 de setembro de 2012, mediante a resolución 742/IX, o Parlamento de Cataluña constatou a necesidade de que o pobo de Cataluña puidese determinar libre e democraticamente o seu futuro colectivo a través dunha consulta. As últimas eleccións ao Parlamento de Cataluña do 25 de novembro de 2012 expresaron e confirmaron esta vontade de xeito claro e inequívoco.

Co fin de levar a cabo este proceso, o Parlamento de Cataluña, reunido na primeira sesión da X lexislatura, e en representación da vontade da cidadanía de Cataluña, expresada democraticamente nas últimas eleccións, formula a seguinte declaración de soberanía e o dereito a decidir do pobo de Cataluña. 

Declaración de soberanía e o dereito a decidir do pobo de Cataluña

De acordo coa vontade maioritaria expresada democraticamente polo pobo de Cataluña, o Parlamento de Cataluña acorda iniciar o proceso para facer efectivo o exercicio do dereito a decidir a fin de que os cidadáns e as cidadás de Cataluña poidan decidir o seu futuro político colectivo, de acordo cos principios seguintes:

-Soberanía. O pobo de Cataluña ten, por razóns de lexitimidade democrática, carácter de suxeito político e xurídico soberano.

-Lexitimidade democrática. O proceso do exercicio do dereito a decidir será escrupulosamente democrático, garantindo especialmente a pluralidade de opcións e o respecto por todas, a través da deliberación e do diálogo no seo da sociedade  catalá, co obxectivo de que o pronunciamento que resulte de exercelo sexa a expresión maioritaria da vontade popular, que será o garante fundamental do dereito a decidir.

-Transparencia. Facilitaranse todas as ferramentas necesarias para que o conxunto da poboación e a sociedade civil catalá teñan toda a información e o coñecemento preciso para o exercicio do dereito a decidir e se promova a súa participación no proceso.

-Diálogo. Dialogarase e negociarase co estado español, coas institucións europeas e co conxunto da comunidade internacional.

-Cohesión social. Garantirase a cohesión social e territorial do país e a vontade expresada moitas veces pola sociedade catalá de manter Cataluña coma un só pobo.

-Europeísmo. Defenderanse e promoveranse os principios fundacionais da Unión Europea, particularmente os dereitos fundamentais dos cidadáns, a democracia, o compromiso co estado do benestar, a solidariedade entre os pobos de Europa e a aposta polo progreso económico, social e cultural.

-Legalidade. Usaranse todos os marcos legais existentes para facer efectivo o fortalecemento democrático e o exercicio do dereito a decidir.

-Papel principal do Parlamento. O Parlamento, como institución que representa o pobo de Cataluña, ten un papel principal neste proceso e, polo tanto, teranse que acordar e concretar os mecanismos e as dinámicas de traballo que garantan este principio.

-Participación. O Parlamento de Cataluña e o Goberno da Generalitat teñen que facer partícipes activos en todo este proceso o mundo local e o máximo número de forzas políticas, axentes económicos e sociais, e entidades culturais e cívicas do noso país, e concretar os mecanismos que garantan este principio.

O Parlamento de Cataluña anima o conxunto de cidadáns e cidadás a seren activos e protagonistas deste proceso democrático do exercicio ao dereito a decidir do pobo de Cataluña.

Us proposem un tracte just

Esperàveu topar, com fan tants diaris, amb un mur de pagament que no us deixés llegir aquest article? No és l’estil de VilaWeb.

La nostra missió és ajudar a crear una societat més informada i per això tota la nostra informació ha de ser accessible a tothom.

Això té una contrapartida, que és que necessitem que els lectors ens ajudeu fent-vos-en subscriptors.

Si us en feu, els vostres diners els transformarem en articles, dossiers, opinions, reportatges o entrevistes i aconseguirem que siguin a l’abast de tothom.

I tots hi sortirem guanyant.

per 75 € l'any

Si no pots, o no vols, fer-te'n subscriptor, ara també ens pots ajudar fent una donació única.

Si ets subscriptor de VilaWeb no hauries de veure ni aquest anunci ni cap. T’expliquem com fer-ho

Recomanem